A fundación A colección Visita Enlaces Contacto

NORMAS DE ACCESO PARA PÚBLICO EN XERAL E INVESTIGADORES

A conservación do patrimonio histórico artístico que custodia é unha das obrigas do Museo Iconográfico. Os visitantes e investigadores deben contribuír a esta tarefa evitando nas súas estancias o deterioro das pezas e instalacións do centro.

Público en xeral

Acceso

• Non se poderá acceder ás salas de exposición con paraugas, mochilas, vultos grandes e en xeral con obxectos que poidan poñer en perigo a seguridade das obras. Deberán depositarse durante a visita no lugar que indique o responsable das salas.

• Non se poderá acceder con bebidas nin alimentos.

• Non se permitirá o acceso de animais, agás cans guía.

Comportamento no Museo

• Non se permitirá fumar en ningún lugar do Museo.

• Non se poderán tocar as obras de arte nin as vitrinas.

• Pídese desconectar os teléfonos móbiles durante a visita para evitar molestias aos demais visitantes, especialmente nas visitas de grupos.

• No caso de producir deterioro en calquera peza, o visitante deberá realizar unha indemnización segundo a taxación que estableza o centro.

Fotografías e gravacións

• Non se permitirá sacar fotografías nas salas do Museo. Poderanse tomar fotografías na área de xardín e ante a fachada do Museo.

• En ningún caso se poderán reproducir, distribuír ou vender fotografías sen o consentimento do centro. As normas que rexen son as establecidas na Lei da Propiedade Intelectual.

• Non se permitirá o emprego de cámaras de vídeo nas salas, pero si na área de xardín ou ante a fachada do Museo.

• Non se poderán empregar aparatos que rexistren o son sen permiso.

Grupos

• Deberán seguir as normas establecidas para público en xeral, ademais das que se recollen a continuación.

• Os grupos poderán ser atendidos fóra do horario xeral de visitas, sempre que se concerte cita con antelación e o Museo poida facilitar este servizo.

• Só se garante a entrada de grupos no Museo cando teñan solicitado previamente cita ou se presenten dentro do horario xeral de apertura ao público e o Museo non se atope ocupado por outros grupos.

• Os grupos que desexen recibir unha atención por parte do persoal do centro (visita guiada, participar en actividades programadas...) deben concertar a cita con antelación.

• Permitirase o acceso de grupos que traian guía propio, pero só se garante o seu acceso se teñen concertada a cita.

• Deberá acceder co grupo e estar presente durante toda a visita polo menos unha persoa responsable do mesmo.

• Por motivos de seguridade e para facilitar a circulación polas salas os grupos que visiten o Museo deberán facelo nun número máximo aproximado de 20 persoas en cada quenda, que o persoal do Museo poderá subdividir en varios grupos.

Investigadores

• Deben respectar as normas establecidas para visitas de público xeral.

• Deben presentar unha solicitude escrita na que se explique o tema e motivo da investigación. Nela constará a aceptación das normas que estableza o centro.

• A aceptación dos investigadores trala solicitude correrá a cargo do padroado ou persoa en quen delegue.

• O estudo das pezas e consulta de material farase no propio centro, no horario que este estableza.

• As pezas serán facilitadas polo persoal do Museo e non se tocarán directamente senón empregando luvas de algodón.

• Calquera deterioro causado polo investigador nas pezas deberá ser indemnizado aceptando a taxación que o centro estime.

• Cando o investigador deteriore as publicacións que consulte deberá aboar o seu importe.

• Fotografías: deberán presentar solicitude escrita para facer fotografías dunha peza ou grupo de pezas, así como das instalacións do Museo. Deberán entregar unha copia de cada fotografía que fagan. Para a publicación das fotografías deberase facer a correspondente solicitude escrita. Non se destinarán as imaxes obtidas a outros fins que non sexan os convidos na autorización. En definitiva, calquera difusión pública que se faga de datos relativos á Colección e ao Museo estará suxeita á autorización do padroado e á Lei da Propiedade Intelectual.

• Publicacións: cando se publiquen estudos e/ou fotografías dunha ou varias pezas do Museo ou das instalacións do mesmo, deberá figurar a procedencia da obra en canto pertencente aos fondos do Museo Iconográfico de Allariz Fundación Aser Seara. O investigador deberá entregar un mínimo de dous exemplares da publicación á Fundación Aser Seara.

Versión en Galego Versión en Castellano English Version A fundación A colección Visita Enlaces Contacto Aviso legal